O CONSORCIO DE AUGAS DO LOURO APROBA UN CRÉDITO EXTRAORDINARIO DE PRETO DE 2 M DE EUROS PARA OBRAS DE SANEAMENTO E ABASTECEMENTO
Noticias e publicacións
- Ven, 24/02/2023 - 12:00
- leberinde
- Financiarase co remanente líquido de tesourería para gastos xerais para levar a cabo obras e proxectos de maneira urxente nos catro concellos que conforman a entidade
- As contías a investir en cada municipio asígnase en función da participación de cada un deles nos ingresos do Consorcio, tal e como establecen os estatutos
O Consorcio de Augas do Louro, que preside Alejandro Lorenzo, vén de aprobar unha modificación orzamentaria para acometer inversións de carácter urxente por un importe total de 1.890.000 euros. O Comité Directivo aprobou este crédito extraordinario, financiado co remanente líquido de tesourería para gastos xerais, co fin de levar a cabo obras e proxectos de saneamento e abastecemento nos catro concellos que integran a entidade.
Tal e como explicou Lorenzo, “o criterio de reparto das contías a investir en cada municipio resolverase en función da participación de cada un deles nos ingresos do Consorcio, tal e como establecen os seus estatutos”.
Así, no Concello de Mos investiranse 221.275,59 euros con destino a eliminación de verteduras en zonas onde non existe rede de saneamento , tales como a contorna da urbanización San Antoíño ou en varios núcleos das parroquias de Cela e Sanguiñeda.
O Porriño recibirá 1.025.054,46 euros cos que se acometerán proxectos e obras de saneamento nas sete parroquias que conforman o municipio.
Pola súa banda, Salceda disporá de 172.103,24 euros para investir en actuacións de saneamento en Ataúde e Loureiro (Picoña), Ponte do Ameal-Presa (Parderrubias), Outeiro (San Xurxo) e Santa María (Santa María).
Os 472.811,10 euros restantes corresponderán ao Concello de Tui, cos que se realizarán investimentos en diversos ramais da rede de saneamento nos lugares de Laranxeiras, Sardadiñas, Costal, Mallón, Campo de fútbol de Ribadelouro, Mourentán, Souto (Pexegueiro), Magdalena, O Castro e Souto de Arriba, así como obras de renovación das instalacións de abastecemento na rúa San Telmo.
Hai moita auga sen vida no universo, pero en ningunha parte hai vida sen auga.
Sylvia A. Earle, oceanógrafa estadounidense