UN GRUPO DE ESTUDANTES DO IES DE MOS VISITA A POTABILIZADORA DE AUGA DOS VALOS
Noticias e publicacións
- Xov, 04/05/2023 - 15:23
- leberinde
Un grupo de estudantes de 3º curso de ESO do IES de Mos vén de visitar as instalacións da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) localizada no Valos para coñecer de primeira man a función de potabilización deste recurso que nela se fai.
Nos últimos anos, o Consorcio de Augas do Louro deu un paso no seu labor divulgativo autorizando visitas ás súas instalacións, tanto a estudantes, colectivos, entidades como á cidadanía en xeral, con visitas guiadas nas que profesionais explican os distintos procesos polos que pasa a auga. Así, ademais de visitas á Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Guillarei, en Tui, onde fai pouco tempo se celebrou incluso unha xornada de portas abertas, tamén se organizan a outra das súas estacións, neste caso á potabilizadora situadas nos Valos, en Mos.
Os últimos en facelo foron 29 estudantes acompañados de dous docentes. Durante o percorrido pola estación coñeceron como chega a auga dende o Encoro de Eiras, se potabiliza facéndoa pasar por filtros de area e se lle engade o cloro e outros reactivos que a fan apta para consumo humano, garantindo as condicións sanitarias necesarias. Auga que, unha vez potable, serve para abastecer non só ao municipio de Mos, senón tamén ao do Porriño e Salceda de Caselas.
O presidente do Consorcio, Alejandro Lorenzo, lembra que se elaborou un protocolo específico para autorizar as visitas a esta ETAP dos Valos, ao igual que á EDAR de Guillarei, e calquera entidade pode solicitalas, de xeito gratuíto, a través da propia páxina web do consorcio (consorciodolouro.es) ou enviado un correo electrónico ao enderezo contacto@consorciodolouro.es.
Hai moita auga sen vida no universo, pero en ningunha parte hai vida sen auga.
Sylvia A. Earle, oceanógrafa estadounidense