Atención ao usuario e incidencias: 900 810 103

O CONSORCIO DE AUGAS DO LOURO RENOVA EQUIPOS NA CAPTACIÓN DE AUGA DO RÍO MIÑO

O Consorcio de Augas do Louro vén de adquirir unha nova bomba de impulsión de auga potable e un novo motor eléctrico de alta eficiencia enerxética para renovar unha das catro bombas existentes na captación de auga do río Miño.

Trátase dunha bomba somerxible tipo lapis capaz de elevar 60 litros de auga por segundo a 142 metros de altura. O motor Franklin de 110 KW (150 CV) é completamente de aceiro inoxidable, conta con protección contra areas e permite e seu rebobinado. Este motor de alta eficiencia e menor potencia que o substituído permitirá acadar un aforro na instalación de ata un 26% no consumo enerxético e na emisión de gases de efecto invernadoiro asociada á produción desa enerxía aforrada.

“A actuación, por importe de máis de 16.000 euros, foi necesaria toda vez que quedou acreditado o desgaste dos equipos que se substitúen, que os facía completamente inoperativos”, explica Alejandro Lorenzo, presidente do Consorcio. “Deste xeito, a captación disporá de catro bombas en perfecto estado de funcionamento para garantir o caudal de auga impulsada ata a potabilizadora de Randufe, que dá servizo ao Concello de Tui, parte de Tomiño e, ocasionalmente, aos Concellos do Rosal e A Guarda”, puntualiza.

O subministro realízase de xeito coordinado cos traballos de posta a punto dos novos equipos de dosificación de reactivos e do novo programa informático que os controla, o que permite adaptar automaticamente as cantidades de cloro, coagulante e floculante que se engaden durante o proceso de filtración da auga do río Miño para acadar unha óptima potabilización.

Esta actuación enmárcase dentro da campaña de renovación das instalacións de abastecemento de Tui que o Consorcio vén levando a cabo dende a súa posta en funcionamento en 2014 e que ascende a máis de 630.000 euros.

Galería: