O Consorcio de Augas do Louro realiza un inventario de fosas sépticas
Noticias e publicacións
- Mér, 01/04/2026 - 14:19
- leberinde
O obxectivo é analizar a posibilidade de conexión das vivendas aos colectores de saneamento existentes e previstos, propoñer liñas de subvencións ou propoñer solucións de saneamento autónomo.
O Consorcio de Augas do Louro está a desenvolver un estudo para localizar aquelas vivendas dispersas que non contan con servizo de saneamento a día de hoxe e veñen utilizando fosas sépticas ou pozos negros, e forma parte do Proxecto para a mellora da eficiencia e dixitalización do ciclo urbano da auga financiado con fondos do PRTR-Next Generation Eu a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
En concreto, a actuación número A004 deste Proxecto, subvencionada con 18.150, € é un traballo complementario ao que xa veñen desenvolvendo tanto o Consorcio como os Concellos de Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui para ampliar a cobertura das redes de sumidoiros ao 100% da poboación, o que supón un importante esforzo inversor e un compromiso firme coa mellora da calidade de vida da poboación do medio rural.
“Trátase de acadar un obcectivo que é de xustiza: que o 100% dos nosos veciños e veciñas, vivan onde vivan, teñan acceso a un saneamento digno e eficiente. Grazas a este inventario, imos ter unha radiografía real da situación das vivendas dispersas para deixar de poñer parches e empezar a ofrecer solucións definitivas, explica o presidente do Consorcio, Alejandro Lorenzo”.
A actuación parte dun inventario inicial que ten en conta tanto o rexistro de fosas sépticas que contan con autorización de vertedura como do listado de fosas sépticas que realizan baleirado a través do servizo que presta o Consorcio.
Este traballo compleméntase coa análise da cartografía das redes de sumidoiros e do catastro de vivendas e contempla outro traballo de campo con enquisas representativas por parroquias que permitan realizar unha estimación suficientemente precisa do número total de fosas sépticas en servizo neste momento.
A partires do 6 de abril, persoal da empresa Aquatica Ingeniería Civil, encargada da realización deste estudo, realizará 360 enquisas en outras tantas vivendas distribuídas entre as 37 parroquias nas que se dividen os Concellos de Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui. En base a esa información poderá planificarse con detalle varias propostas para garantir o saneamento ao 100% da poboación, complementarias á extensión das redes de sumidoiros xa en marcha, como poden ser liñas de subvencións municipais para a execución acometidas ás redes de sumidoiros ou a proposta de implantación de solucións de saneamento descentralizado para grupos menores de vivendas.
Hai moita auga sen vida no universo, pero en ningunha parte hai vida sen auga.
Sylvia A. Earle, oceanógrafa estadounidense




