Atención ao usuario e incidencias: 900 810 103

O Consorcio de Augas do Louro instalará contadores con telelectura en Mos e Salceda de Caselas

Tamén utilizará esta tecnoloxía para as dependencias municipais e grandes consumidores nos catro concellos consorciados.

O Consorcio de Augas do Louro instalará a partires do mes de maio preto de 3.800 contadores de auga domésticos con sistemas dixitais de telelectura nos Concellos de Mos e Salceda de Caselas.

Tamén instalará preto de 100 contadores con telelectura nas dependencias municipais dos catro concellos consorciados —Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui— así como outros 200 contadores intelixentes para grandes consumidores dos Polígonos Industriais como os de As Gándaras, A Granxa, Rebullón, Areas ou O Cerquido.

Esta campaña, cun importe de execución superior a 400.000 €, forma parte das actuacións A039, A040, A041 e A042 do «Proxecto para a mellora da eficiencia e dixitalización do ciclo urbano da auga do Louro», subvencionado con fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia - Next Generation EU a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Xa que a actuación está subvencionada con fondos públicos, a modernización dos contadores non suporá ningún custe a estes usuarios e suporá un aforro mínimo aproximado de 120 € por contador doméstico, como destaca o Presidente do Consorcio, Alejandro Lorenzo, poñendo o foco no aforro das familias, pero tamén na posibilidade que dan estes novos contadores de poder localizar con máis premura avarías ou fugas ocultas.

A estratexia de renovación de contadores determinouse de acordo coas bases da subvención e dos importes máximos subvencionables en función da poboación de cada Concello, tendo tamén en conta as necesidades de dixitalización e eficiencia das instalacións de abastecemento e saneamento coas que conta cada Concello.

A actuación supón un primeiro paso na modernización completa dos 17.500 contadores cos que conta o parque na actualidade e supón un grande avance para mellorar a precisión do rexistro instantáneo de consumos, o que permitirá ao Consorcio optimizar as rutas de lecturas manuais que se veñen realizando actualmente cada 60 días, e facilitará aos usuarios datos de consumos diarios e avisos por consumos anormais debidos a avarías ou fugas ocultas, o que sen dúbida permitirá reducir os tempos de reparación das mesmas.

Con esta actuación dáse outro importante paso para garantir nun futuro o abastecemento aos veciños dos concellos de Mos, O Porriño e Salceda de Caselas.