Firma do protocolo para o saneamento integral do Louro
Noticias e publicacións
- Xov, 28/08/2014 - 11:42
- admin
Tui (Pontevedra), 8 de setembro de 2014.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a Confederación Hidrográfica Miño- Sil, e os concellos de Mos, Porriño, Salceda de Caselas e Tui asinaron esta mañá un protocolo de colaboración polo que se culminará o saneamento integral do Louro a finais de 2015. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín, e os alcaldes de Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para a mellora do saneamento do río Louro, que implica un novo investimento de 5 millóns de euros.
Segundo explicou Ethel Vázquez, “con estas actuacións completamos as principais infraestruturas previstas para que o saneamento integral do Louro sexa unha realidade a finais de 2015”. Engadiu que “estas melloras están enmarcadas nun conxunto de actuacións para a mellora do sistema de colectores do Louro, para o que se leva investido máis de 26 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia dende 2009”.
O abastecemento e a depuración son obxectivos estratéxicos do Goberno galego, que están recollidos na Lei de Augas de Galicia. Neste senso, a conselleira de Medio Ambiente destacou que nesta zona do Louro, desde a Administración Autonómica levamos tempo facendo un esforzo importante para mellorar o saneamento das 20 parroquias destes concellos; ao tempo que permite a ampliación da estación de bombeo de Tui, que serve ás parroquias de Areas, Randufe, Malvas e Pexegueiro.
Manifestou que é un mérito de todos que o Consorcio do Louro xestione hoxe o ciclo integral da auga na Louriña, no que viven 60.000 persoas; co que se garanten os servizos básicos non só para os cidadáns, senón tamén para a actividade industrial e comercial.
O convenio asinado hoxe permitirá a recollida do conxunto das augas residuais das parroquias de Soutelo, e Entenza, en Salceda de Caselas, ou a ampliación da estación de bombeo de augas residuais de Areas, en Tui, entre outras actuacións. Estas augas conduciranse ata os colectores do Louro e serán depuradas aquí, na estación de Guillarei, en Tui. Para iso uniranse as redes de saneamento existentes nestes núcleos de poboación que non estaban conectadas coa rede xeral de saneamento do Louro.
Destacou que a colaboración asinada hoxe é un exemplo claro de xestión eficaz dos recursos públicos e un exercicio de responsabilidade. Remarcou que este reto só se acadará mediante a colaboración entre administracións públicas. Nese sentido, adiantou que a liña de traballo será avanzar en compartir estes servizos cos concellos próximos e as comunidades de usuarios.
Saneamento do Louro
O saneamento do Louro foi unha tarefa que comezou en 1994 cando os concellos de Tui, Salceda de Caselas, O Porriño, e Mos, a Xunta de Galicia e a Administración do Estado asinaron un acordo para levar a cabo o saneamento da bacía do río Louro, que establecía a creación dunha entidade mancomunada ou consorciada para xestionar as infraestruturas de saneamento e depuración que fosen preciso construír para mellorar este río, cunha forte presión urbana e industrial.
Desde aquel momento, foi necesario investir case 94 millóns de euros para a construción do Sistema de saneamento do Louro, incluíndo a estación depuradora de augas residuais de Guillarei.
Ethel Vázquez precisou que “foi este Goberno, no ano 2009, o que facilitou a posta en marcha da EDAR de Guillarei, co compromiso dos catro concellos aos que dá servizo esta infraestrutura de crear un consorcio que se encargará da xestión do sistema de saneamento do Louro, o cal inclúe a depuradora”.
Consorcio do Louro
Actualmente os concellos do Porriño, Salceda de Caselas, Mos e Tui integran, xunto con Augas de Galicia, o Consorcio do Louro, organismo que desde comezos de 2014 xestiona o seu propio sistema de saneamento.
A Xunta apoia e impulsa estas iniciativas de cooperación co obxectivo común de ofrecer os mellores servizos aos cidadáns ao menor custo posible, polo que no eido da xestión dun recurso básico como é a auga a colaboración e cooperación faise imprescindible.
A conselleira sinalou que “se trata dun novo modelo de prestación de servizos, unha nova cultura do abastecemento e a depuración que se plasmará no Pacto Local da Auga, que estamos desenvolvendo”. Concluíu que “os traballos que hoxe iniciamos redundarán nunha mellora da calidade e da eficiencia do servizo de xestión do ciclo da auga e, polo tanto, nunha mellor calidade de vida dos veciños destes concellos”.
Hai moita auga sen vida no universo, pero en ningunha parte hai vida sen auga.
Sylvia A. Earle, oceanógrafa estadounidense