Atención ao usuario e incidencias: 900 810 103

Medio Ambiente destina un millón de euros a obras de saneamento e depuración que permitirán mellorar a calidade ambiental do río Louro

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá máis de un millón de euros na execución de varias actuacións en materia de saneamento e depuración, que mellorarán a calidade ambiental do río Louro e das súas masas de auga.

Así se recolle nos convenios de colaboración que asinou esta mañá a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, cos membros do Consorcio do Louro para a execución de varias actuacións hidráulicas nos concellos de Mos, Porriño e Salceda de Caselas.

Os tres proxectos corresponden a melloras no saneamento e permitirán achegar este servizo ás parroquias do rural que antes non dispoñían do mesmo. Concretamente, no municipio de Mos investiranse 500.000 euros na execución de nove ramais de colectores que finalizan nun pozo de bombeo e a súa correspondente impulsión. Con esta obra conectarase á rede o núcleo de vivendas de Reublín, na parroquia de Pereiras.

No caso do concello do Porriño, Augas de Galicia executará unha nova rede de saneamento na zona de Vacaría, na parroquia de Budiño. Esta actuación vai contar cun investimento de 425.000 euros. Este compromiso co Consorcio do Louro complétase coa actuación en Salceda de Caselas, que consistirá na execución de dous ramais de colectores, que permitirán conectar á rede un núcleo de vivendas en Arrotea, na Parroquia de Salceda. O importe desta obra é de 135.000 euros.

A conselleira destacou que a importancia do Consorcio do Louro reside no feito de que xestiona o ciclo integral da auga dos catro concellos que bañan o río Louro: Tui, O Porriño, Mos e Salceda de Caselas. Un servizo que é unha garantía ambiental para o Louro, a través do saneamento e a depuración, ademais do abastecemento para unha área con case 60.000 habitantes e máis de 21.000 vivendas.

Engadiu que tamén é un exemplo de coordinación e eficiencia, unha política que dende a Xunta se impulsou dende o primeiro día, feito que se demostra co apoio a proxectos que suman case 5 millóns de euros. A conselleira recordou que inicialmente se destinou un orzamento de 1,3 millóns de euros para garantir o seu funcionamento, ao que se suman os 1,5 millóns de euros ao saneamento en Santo Estevo de Budiño, no Porriño, onde tamén se levaron a cabo actuacións prioritarias de saneamento por un importe de 528.000 euros. No caso do concello de Tui, Augas de Galicia cofinanciou unha nova estación de bombeo, xunto coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil e, no de Mos, apoiouse a posta en marcha de actuacións de saneamento en distintos puntos do rural por un importe de 350.000 euros.

A responsable de Medio Ambiente felicitou aos alcaldes dos concellos que constitúen este consorcio, por ser capaces de unirse e coordinarse na xestión, polo que son un exemplo de eficacia e eficiencia e da aposta pola rendibilidade dos investimentos públicos e de que os servizos cheguen a máis e mellor aos cidadáns. Nese sentido, defendeu a colaboración entre o Goberno autonómico e as entidades locais, xa que “ninguén coñece mellor que os concellos as necesidades dos seus territorios e dos veciños”, afirmou.

Por último, Mato recordou que esta actuación se inscribe na firme aposta do Goberno galego por mellorar o saneamento e abastecemento en Galicia. Ao respecto, fixo fincapé en que nos últimos anos téñense investido máis de 1.100 millóns de euros a saneamento e depuración, un esforzo que se traduce nunha mellora do estado das nosas augas: en 2009, ao redor do 70% das augas de Galicia eran de boa calidade, unha porcentaxe que agora acada o 78%.

Tras a sinatura do convenio, Beatriz Mato tamén visitou as instalacións da Edar de Guillarei, onde puido comprobar o funcionamento da mesma.