Novo depósito de auga en Mos
Noticias e publicacións
- Xov, 28/08/2014 - 11:41
- admin
Un novo depósito de augas na localidade de Mos dará servizo a un total de oito barrios, segundo informou o Consorcio de Augas do Louro. O organismo fixo pública a finalización dos traballos de inspección e posta en funcionamento de varias instalacións de abastecemento e saneamento en Mos e Porriño.
Así, no concello de Mos, o Consorcio está a terminar a revisión e posta en servizo do depósito de O Castro (Guizán), de 3.000 metros cúbicos de capacidade e que dará servizo á rede de abastecemento que percorre os núcleos de Arrufana, O Enxertado, Cortiñas e Eiragrande na parroquia de Louredo e os núcleos de A Rúa, A Zapateira, Cabaleiros e Sorado na parroquia de Santa Eulalia de Mos. Estas instalacións darán servizo a máis de 650 veciños, que xa poden solicitar a execución da acometida á rede desde hoxe nas oficinas do Consorcio.
Neste mesmo concello, o Consorcio terminou a inspección e posta en funcionamento do bombeo de augas residuais que permite poñer en servizo ao colector que percorre paralelamente a autovía A-55 en Rexenxo. Desta maneira, máis de quince vivendas contarán co servizo de sumidoiro.
No concello de O Porriño, o Consorcio terminou tamén a posta en funcionamento da fosa séptica de A Ínsua, na parroquia de Santa Eulalia de Atios, que dará servizo a máis de 15 vivendas dese núcleo.
Vaquería
Por outra parte, no concello de Porriño recibiuse de forma satisfactoria a inclusión da rede de sumidoiros de Vaquería (Budiño) nas novas obras a financiar cos fondos FEDER.
As obras inclúen a dotación das infraestruturas de saneamento adecuadas proporcionando conexión aos colectores de saneamento que comunican coa Edar de Guillarei. A instalación de 1.300 metros de condución executarase nun prazo de 10 meses, e requerirá unha inversión de 235.000 euros, que asumirá a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e Augas de Galicia nun 80% e 20%, respectivamente.
“Dáse así un paso máis no proxecto de saneamento do río Louro, ao que o estado destinará máis de 5 millóns de euros, e que ata a data xa requeriu a inversión de máis de 110 millóns por parte do Estado e máis de 26 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia”, informou o alcalde de Porriño, Nelson Santos.
Hai moita auga sen vida no universo, pero en ningunha parte hai vida sen auga.
Sylvia A. Earle, oceanógrafa estadounidense