Novos puntos de conexión con saneamento en Tui
Noticias e publicacións
- Xov, 28/08/2014 - 11:31
- admin
A construción de trece novos puntos de conexión da rede secundaria de abastecemento coa Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Guillarei, dará servizo a uns 5.400 habitantes de 18 lugares pertencentes a nove parroquias de Tui, entre elas a de Caldelas e o seu barrio de Baños, onde está situado o Balneario, un establecemento de entidade, que recibe a usuarios para tratamentos terapéuticos durante todos os meses do ano.
Augas de Galicia invertiu unha cantidade superior aos 631.000 euros nestes traballos hidráulicos cuxa terminación se deu a coñecer no día de onte, a cargo do director de obra, Alberto Bosquet, ante o director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira; o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez; o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís e construtores.
O lugar elixido para a explicación foi o barrio de Baños, onde se acometeron a maior parte dos colectores.
Outras conexións realizáronse noutros lugares de Caldelas e nas parroquias de Baldráns, Paramos, Randufe e Rebordáns, ademais dun tramo na rúa Martínez Padín do centro urbano de Tui, o que ven a posibilitar que unhas 200 vivendas e o Balneario de Caldelas se poidan conectar á rede. Cada unha das conexións ten unha lonxitude que oscila entre os 50 e 300 metros de lonxitude.
Ademais se proxectan tres bombeos con dúas bombas cada un, en Rebordáns, no Atrio e en O Regueiro.
As actuacións enmárcanse na mellora do sistema de colectores do río Louro, para o que se leva invertido un orzamento de preto de 14 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia, co fin de extender a un maior número de usuarios o servizo de saneamento nos municipios de Porriño, Salceda de Caselas, Mos e Tui.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez dixo que este é un paso máis na política medioambiental que permite a recuperación da ribeira do río Miño, eliminando vertidos no municipio de Tui, que é o de maior inversión en saneamento. A seguinte prioridade é a estación de bombeo de Areas. O director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira explicou que “a Confederación Hidrográfica licitará en breve” esta obra á que conectará as redes de saneamento de Malvas, Pexegueiro, Randufe e do parque empresarial de Areas.
Os traballos proxectados pretenden dar solución a lugares con saneamento deficiente e conectar os vertidos para o seu tratamento na EDAR de Guillarei que ten capacidade para depurar as augas residuais de cerca de 132.300 habitantes e pode tratar ata 2.326 m3 por hora.
Hai moita auga sen vida no universo, pero en ningunha parte hai vida sen auga.
Sylvia A. Earle, oceanógrafa estadounidense