Atención ao usuario e incidencias: 900 810 103
Inicio » O Consorcio de Augas do Louro actualiza o seu Plan de Emerxencia contra a Seca
O Consorcio de Augas do Louro actualiza o seu Plan de Emerxencia contra a Seca
Noticias e publicacións
- Ven, 27/03/2026 - 09:01
- leberinde
A adaptación á Lei galega de garantía de abastecemento require un inventario e análise de vulnerabilidade das traídas veciñais
O Consorcio de Augas do Louro está a realizar unha actualización do seu Plan de Emerxencia contra a Seca, vixente dende maio de 2022, como parte do Proxecto para a mellora da eficiencia e dixitalización do ciclo urbano da auga financiado con fondos do PRTR-Next Generation Eu a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. En concreto, a revisión do Plan forma parte da actuación A001 financiada con 30.000 € e ten por obxectivo ampliar o estudo das infraestruturas de abastecemento municipais incorporando información sobre os abastecementos a través de traídas veciñais e pozos particulares que poidan ser vulnerables antes futuros episodios de seca como os que xa aconteceron nos anos 2025, 2022 ou 2017.
"Dende o Consorcio de Augas do Louro seguimos traballando sen descanso polos concellos que conforman esta entidade e por todos os seus veciños e veciñas. O noso obxectivo é claro: fortalecer a resiliencia do noso territorio ante os retos climáticos que xa estamos a vivir e mellorar a eficiencia e a dixitalización do ciclo de auga con iniciativas como esta, a actualización do noso Plan de Emerxencia contra a Seca”, asegura o Presidente do Consorcio, Alejandro Lorenzo, engadindo a importancia de “ protexer non só o abastecemento municipal, senón tamén as traídas veciñais e pozos particulares, que son especialmente vulnerables en episodios de seca”.
O Consorcio está a manter reunións cos representantes das traídas veciñais nos Concellos de Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui e ten previsto realizar visitas ás instalacións de cada traída nas vindeiras semanas, aos efectos de recompilar información sobre as características mais relevantes de cada unha delas, como tipo de captación, sistema de almacenamento ou de tratamento da auga. “En definitiva, seguimos coordinando esforzos con todos os concellos para garantir que, ante calquera episodio de escaseza, os nosos veciños teñan a tranquilidade de que a auga é un dereito protexido e planificado”, apuntou Lorenzo.
Dentro dos traballos de revisión e tamén en cumprimento da Lei galega de garantías de abastecemento, realizaranse comunicacións cos Concellos cos que o Consorcio comparte auga aos efectos de coordinar as medidas a adoptar ante eventuais episodios de escaseza.
Con esta actuación dáse outro importante paso para garantir nun futuro o abastecemento aos veciños dos concellos de Mos, O Porriño e Salceda de Caselas.
Hai moita auga sen vida no universo, pero en ningunha parte hai vida sen auga.
Sylvia A. Earle, oceanógrafa estadounidense



