Atención ao usuario e incidencias: 900 810 103

O CONSORCIO DE AUGAS DO LOURO ADVIRTE DA DIFUSIÓN DE INFORMACIÓN FALSA SOBRE ESTE ENTE E SOBRE O CONCELLO DE MOS

O Consorcio de Augas do Louro tivo información este domingo da existencia e potencial distribución no Concello de Mos dun folleto que utiliza o nome e teléfono de atención aos usuarios do Consorcio e  utiliza tamén o nome, escudo e teléfono do Concello de Mos, reproducindo un suposto recibo emitido por unha empresa ficticia e cun importe desproporcionado polo subministro de auga.

Os destinatarios deste folleto parecen ser os membros das traídas veciñais deste Concello, que non son usuarios do Consorcio a día de hoxe, nun suposto esforzo por xerar confusión e desinformación en época electoral.

Por outra banda, o Consorcio quere advertir que unha empresa allea a este organismo está ofrecendo a toma de mostras de auga potable nos domicilios do Concello de O Porriño para, supostamente, medir a calidade da auga con evidentes intereses comerciais.

Ante esta situación, o Consorcio informa que xa está a realizar os controis analíticos diarios e mensuais que marca a lexislación vixente, garantindo a calidade da auga que distribúe en todo momento.

O Consorcio quere lembrar a todos os veciños que este organismo ten carácter público, estando formado polos Concellos de Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui, así como polo ente autonómico Augas de Galicia.

Este organismo ten a disposición dos usuarios catro oficinas de atención presencial, nos catro concellos consorciados, e ten un teléfono 900 810 103 para atención as 24 horas do día e os 365 días do ano, un correo electrónico de contacto (contacto@consorciodolouro.es) e unha páxina web a través dos cales poderán obter información oficial e veraz sobre os servizos que presta.

A Presidencia do Consorcio quere informar que xa se deron as instrucións oportunas para o inicio das accións legais que corresponda, co obxectivo de identificar aos responsables e defender os  intereses do Consorcio e do Concello de Mos, toda vez que se teñen utilizado sen autorización diferentes elementos identificativos do Consorcio e do Concello de Mos.