O CONSORCIO DE AUGAS DO LOURO DÁ UN NOVO IMPULSO AO SEU LABOR DIVULGATIVO E CONVIDA A VISITAR AS SÚAS INSTALACIÓNS
Noticias e publicacións
- Mér, 22/02/2023 - 14:28
- leberinde
- No que vai de ano xa se autorizou a visita de máis de 400 persoas.
- A día de hoxe pódense coñecer a estación depuradora de augas residuais de Guillarei e a estación de tratamento de auga potable de Os Valos, e ao longo do ano poderase visitar tamén a potabilizadora de As Chans.
O venres 13 de marzo de 2020 o CIFP A Granxa, de Ponteareas, realizaba unha visita guiada á estación depuradora de augas residuais de Guillarei.
Foi ao día seguinte, o 14 de marzo de 2020, cando se decretou o estado de alarma pola COVID-19 e comezou un período de confinamento que obrigou ao Consorcio a manter os servizos cos medios mínimos imprescindibles e suspender as vistas as súas instalacións.
Dous anos despois, o 14 de marzo de 2022, o CPR Plurilingüe Losada de Vigo foi a primeira institución educativa en volver ás nosas instalacións, iso si, logo de ter sido tomadas medidas adicionais de seguridade para as/os 50 alumnas/os que percorreron a EDAR de Guillarei ese día.
Durante o ano 2022, 327 visitantes de dez institucións, tan diferentes como as universidades de Santiago e Vigo ou a Asociación de Xubilados de Salceda de Caselas, achegáronse ás nosas instalacións. O 2023 comeza cun novo impulso ao labor divulgativo logo de que se teña autorizado o acceso de máis de 400 visitantes nos catro primeiros meses do ano.
A día de hoxe pódense coñecer a estación depuradora de augas residuais de Guillarei, en Tui, e a estación de tratamento de auga potable de Os Valos, en Mos. Ao longo do ano poderase visitar tamén a potabilizadora de As Chans, Randufe, no Concello de Tui.
“Queremos achegar á veciñanza a importancia dos sistemas de saneamento e abastecemento, que coñezan como funcionan e a repercusión que teñen que teñen tanto a nivel ambiental como social”, explicou o presidente da entidade, Alejandro Lorenzo.
Para poder visitar estas instalacións pódese descargar o modelo de solicitude na web do Consorcio na dirección https://consorciodolouro.es/gl/area-usuario/impresos
Hai moita auga sen vida no universo, pero en ningunha parte hai vida sen auga.
Sylvia A. Earle, oceanógrafa estadounidense