O CONSORCIO DE AUGAS DO LOURO DOTA DE FIBRA ÓPTICA Á EDAR DE GUILLAREI
Noticias e publicacións
- Lun, 08/05/2023 - 07:48
- leberinde
As obras, actualmente en execución, permitirán modernizar o sistema de telesupervisión e telecontrol das instalacións.
O Consorcio de Augas do Louro, que integra aos concellos de Mos, Porriño, Salceda de Caselas e Tui, está a executar as obras que permitirán unir a través dunha rede de telecomunicacións fixa mediante fibra óptica, o nó de comunicacións máis próximo localizado na PO-404 no lugar de A Pinza, coa súa sede central, situada na estación depuradora de augas residuais (ETAP) de Guillarei, en Tui.
A inversión ascende aproximadamente a 87.000 euros e consiste na instalación dun prisma de dúas tubaxes de polietileno corrugado de 160 milímetros de diámetro e 1.110 metros de lonxitude.
Deste xeito dotarase de ancho de banda suficiente para enlazar o sistema centralizado de telesupervisión e telecontrol por internet tanto da depuradora de Guillarei como das dúas estacións de tratamento de augas potables situadas en Mos e Tui e a máis de 100 instalacións electromecánicas situadas nos catro concellos que integran o Consorcio.
“A falta dunha infraestrutura de comunicación por fibra óptica na EDAR de Guillarei provoca limitacións na conectividade de datos, tanto para o funcionamento da telesupervisión de instalacións como para a operatividade das oficinas. Dotándose de fibra á EDAR de Guillarei mellórase así a conectividade do posto central co exterior”, explica Alejandro Lorenzo, presidente do Consorcio.
Hai moita auga sen vida no universo, pero en ningunha parte hai vida sen auga.
Sylvia A. Earle, oceanógrafa estadounidense