Atención ao usuario e incidencias: 900 810 103

O CONSORCIO DE AUGAS DO LOURO ENCARA A FASE FINAL DAS OBRAS DE REMODELACIÓN DA POTABILIZADORA DE TUI

O Presidente do Consorcio de Augas do Louro Alejandro Lorenzo e o alcalde de Tui Enrique Cabaleiro visitaron este luns as obras de remodelación da potabilizadora de As Chans para comprobar o avance das obras.

As obras comprenden a demolición e retirada dos equipos e depósitos de reactivos obsoletos, o acondicionamento completo da sala onde se instalarán os novos depósitos e as novas bombas de axitación e dosificación de hipoclorito, coagulante e floculante, necesarios para levar a cabo o proceso de purificación e potabilización da auga captada no río Miño. Estas actuacións supoñen unha inversión de 93.14,54 €, financiada con recursos propios do Consorcio.

O Consorcio está a executar simultaneamente outra obra para a substitución da cuberta de tella e reparación de estrutura metálica do edificio número 2 así como a renovación integral da impermeabilización da cuberta plana da sala de reactivos. Estas actuacións suporán unha inversión adicional de 47.994,75 €.

Finalmente, a remodelación da potabilizadora incluirá  a extensión de resina epoxi en solos e paredes de todos os edificios e realizarase o acondicionamento de escaleiras e plataformas metálicas, inversións valoradas en máis de 19.000 €.

As obras permitirán ao Consorcio dispoñer dunhas instalacións que garantan en todo momento a calidade da auga potabilizada e que darán cumprimento á normativa vixente sobre almacenamento de produtos químicos.

Deste xeito dáse continuidade ás obras de grande renovación levadas a cabo polo Consorcio entre os anos 2014 e 2018 nesta potabilizadora municipal, e que permitiron naquel momento renovar o material filtrante, substituír a calderería deteriorada por novas canalizacións de aceiro inoxidable, renovar completamente o sistema pneumático de apertura e peche de válvulas e actualizar e completar o sistema informático de telecontrol da planta. O importe total das inversións levadas a cabo polo Consorcio no Concello de Tui dende 2014 ascende a preto de 615.000 €.