Atención ao usuario e incidencias: 900 810 103

O Consorcio de Augas do Louro redacta o seu Plan Integral de Xestión dos Sistemas de Saneamento

O obxectivo é cumprir coa normativa de protección do dominio público hidráulico fronte a desbordamentos dos colectores.

O Consorcio de Augas do Louro está a redactar o seu Plan Integral de Xestión dos Sistemas de Saneamento.

A redacción do plan iniciouse en decembro de 2025 mediante a recompilación e verificación da información existente sobre as redes de colectores e instalacións singulares, como aliviadoiros ou estacións de bombeo. Posteriormente foi necesario realizar varias campañas de traballos de campo para comprobar topograficamente todos estes elementos, así como instalar caudalímetros de control nos colectores principais para medir o volume de auga residual en circulación en diferentes momentos do ano.

Logo destas comprobacións iniciais, o Consorcio elaborou un modelo dixital dos colectores de saneamento utilizando o programa IBER XIS e o programa SWMM.

Mediante este modelo dixital simularase o comportamento do sistema de colectores tanto en tempo seco como durante diferentes episodios de choiva, durante os cales os colectores poden chegar a entrar en carga e producir alivios.

Modelo Dixital Terreo

Precisamente, un dos obxectivos que pretende a normativa sobre protección do dominio público hidráulico é acadar unha retención mínima dun 60% desta auga residual nos colectores, de tal xeito que se minimicen os danos ao medio natural polos alivios.

O importe das actuacións ascende a 640.894 € e contan cunha subvención de preto de 600.000 € a través dos fondos do PRTR-Next Generation EU, a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Estes traballos están enmarcados na actuación tipo A8 do proxecto «PERTE Louro para dixitalización e eficiencia do ciclo urbano da auga» para elaboración de modelos dixitais das redes de servizos e xemelgos dixitais, e compleméntanse cun estudo de infiltracións e un plan de evacuación de augas pluviais.

Desenvólvense nun total de 8 actuacións que se corresponden coas numeradas A002, A003, A004, A005, A007, A012, A013 e A014 do citado PERTE Louro.

Arquivos relacionados: