Atención ao usuario e incidencias: 900 810 103

O Consorcio de Augas do Louro redacta proxectos de saneamento en Salceda de Caselas

O obxectivo é coñecer o custe de ampliar a cobertura das redes de saneamento a toda a poboación deste Concello

O Consorcio de Augas do Louro está a redactar os proxectos construtivos para dotar de saneamento nun futuro a toda a poboación de Salceda de Caselas, sendo este un dos traballos contemplados dentro do Proxecto para a mellora da eficiencia e dixitalización do ciclo urbano da auga financiado con fondos do PRTR-Next Generation EU a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

 

En concreto, a redacción destes proxectos faise ao amparo da actuación A017, financiada con 226.749,98 €, e ten por obxectivo ampliar a cobertura de saneamento aos núcleos de Salceda de Caselas que a día de hoxe non dispoñen dela e conseguir desta maneira ofrecer o mesmo nivel de servizo aos habitantes deste municipio.

A redacción destes proxectos contemplará un estudo pormenorizado das parcelas particulares que poidan ser obxecto de servidume de acueduto, así como de todas as afeccións sectoriais que requiran de autorización administrativa previa á execución das obras.

Con esta actuación contribuirase definitivamente a avanzar na mellora da calidade de vida dos veciños de Salceda de Caselas.

“Coa redacción destes proxectos, o Consorcio de Augas do Louro dá un paso decisivo para cumprir coa veciñanza de Salceda de Caselas. O noso obxectivo é claro: que ningún veciño ou veciña quede atrás no acceso a un servizo tan básico e esencial como é o saneamento. Grazas aos fondos Next Generation, estamos a deseñar a folla de ruta técnica que nos permitirá, nun futuro próximo, garantir a mesma calidade de vida e os mesmos servizos en todo o territorio municipal, independentemente de onde se viva.”