O saneamento é a parte do ciclo urbano da auga que contempla a recollida tanto das augas pluviais como das residuais, de orixe urbana e industrial, mediante un conxunto de redes de sumidoiros que teñen por obxectivo evacuar ese caudal cara a cada instalación de depuración (E.D.A.R. ou estación depuradora de augas residuais).

O saneamento inclúe as fases de:
Recollida
Recollida das augas residuais urbanas e industriais mediante as redes de sumidoiros secundarias, isto é, as que se distribúen polas distintas parroquias e núcleos urbanos dos Concellos integrantes do Consorcio de Augas do Louro. Estas redes son, na súa maioría, de tipo unitario, isto é, recollen tanto augas pluviais como augas residuais a través das mesmas conducións.
Interceptación e transporte:
As redes de sumidoiros secundarias son interceptadas por medio de colectores xerais e colectores interceptores, que continúan o transporte das augas residuais novamente ata as estacións de depuración.Esta parte da rede de sumidoiros non admite, como norma xeral, conexións para verteduras individuais e ten instalacións auxiliares para a regulación do caudal, o que supón o control dos volumes de auga circulantes e as altas cargas contaminantes presentes durante os primeiros momentos de cada episodio de fortes precipitacións (augaceiros, treboadas, etc.), como consecuencia do lavado dos colectores.No ámbito do Consorcio, a regulación de caudal realízase a través dos 17 aliviadoiros e 2 fusibles existentes no Sistema de Saneamento do Louro, que dispoñen de cámaras de almacenamento e regulación para laminar caudais e de válvulas vórtex para dosificar a reincorporación gradual do caudal ao colector.O transporte de auga residual nesta fase realízase fundamentalmente por gravidade, isto é, polo seu propio peso, agás naqueles puntos cuxa orografía determina a necesidade de instalar unha E.B.A.R. (estación de bombeo de auga residual). No caso do Sistema de Saneamento do Louro, existen dúas E.B.A.R. principais, a de Secadoura (que recolle a auga residual da conca do Río Caselas) e a de Seixal (que recolle o núcleo de Tui).
Depuración
Depuración nas Estacións Depuradoras de Augas Residuais (E.D.A.R.) e a través de diversas operacións unitarias e procesos en serie retíranse as substancias contaminantes presentes na auga residual recollida e transportada. No caso do Consorcio de Augas do Louro, a principal depuradora é a E.D.A.R. de Guillarei, deseñada para un caudal punta de 3,7 m3/seg e 180.000 h.e.Existen outras pequenas instalacións depuradoras en núcleos de poboación máis afastados do sistema de saneamento xeral: a E.D.A.R. de Herville en Mos (que utiliza un reactor anaerobio de leito fluidizado), a E.D.A.R. de Petelos en Mos (que utiliza un reactor aerobio con desinfección da auga tratada mediante ozono) e a E.D.A.R. de As Ínsuas en O Porriño (trátase dunha depuradora compacta e enterrada).
Restitución
Finalmente, a auga depurada é devolta ao medio natural.















