Eficiencia enerxética
Compromiso social e sostibilidade
A auga é un elemento indispensable para o desenvolvemento das nosas vidas. Se ben, a súa natureza é escasa e por iso debemos protexela ao máximo nivel que a nosa actuación nos permita. A adecuada xestión deste ben natural convértese nun reto, nun desafío que nos afecta a todos e ao que debemos aprender a coidar e a aproveitar.
Tendo todo isto claro, o Consorcio de Augas do Louro márcase como un dos seus principais obxectivos traballar en fomentar unha conciencia clara e de marcado carácter ambiental sobre o uso racional dos recursos hídricos. Tanto no que respecta a fomentar unha boa utilización deste ben escaso por parte dos cidadáns, como tamén no velar por que exista o menor número posible de fugas na rede e tratar de que tampouco se cometan fraudes en todo o que teña que ver coa subministración da auga.
A demanda de auga crece de forma constante e de aí que se faga imprescindible racionalizar o seu uso e devolvela á natureza nas condicións axeitadas para que poida ser reutilizada. No Consorcio de Augas do Louro esforzámonos para mellorar a xestión deste recurso e poder facer que che chegue en condicións de garantía para o seu uso posterior. Unha vez utilizada, traballamos para devolvela aos ríos e ao mar, e moi importante, facéndoo nas condicións que poidan asegurar a preservación do medio ambiente.
Entre os obxectivos do Consorcio atópase a autosuficiencia enerxética, mediante a busca do equilibrio entre o consumo eficiente e racional e a xeración de enerxía utilizando os recursos propios. Para isto implementamos unha política de aforro enerxético en todos os ámbitos de xestión e unha eficiencia hidráulica en todos os procesos do ciclo.
O Consorcio puxo en marcha un sistema de optimización do uso da enerxía, mediante a identificación, a análise, a parametrización e a actuación sobre os elementos enerxéticos que interveñen de forma directa na xestión do ciclo integral da auga.
Outro dos principios inspiradores da actividade do Consorcio é lograr a maior eficiencia enerxética en cada unha das instalacións. Neste campo, algúns dos traballos xa realizados son os seguintes: instalación de variadores de frecuencia en aqueles equipos que non requiren operar habitualmente a súa capacidade nominal, control operacional das instalacións: axuste das cotas de traballo das bombas, axuste da idade de fango nas E.D.A.R.s, optimización da codixestión na E.D.A.R. de Guillarei, optimización dos contratos de enerxía eléctrica, etc.
Ademais, as actividades de I+D+i desenvolvidas na E.D.A.R. de Guillarei teñen como elemento común a eficiencia enerxética.
Hai moita auga sen vida no universo, pero en ningunha parte hai vida sen auga.
Sylvia A. Earle, oceanógrafa estadounidense